Leb Ouro / Tripla

O COB perde o partido en 5 minutos

O COB non foi quen de levar un partido que o sacaba a bon seguro da penúltima posición, a pesar de que competiu en todo momento, e mesmo puido acabar levando o partido. Os cinco primeiros minutos nos que o equipo logroñés do Knet lograba irse a dez puntos nun partido que estivera moi igualado foron a clave. Tamén influiu a diferenza no rebote. 28 capturas do equipo de Ourense por 42 do equipo rioxano, 13 delas en ataque, que deron moitas segundas opcións ós locais.

Comezaba ben o equipo ourensán cun 0-7 de parcial con 5 puntos de Múgica que logo serían contestados polo Knet para poñer o 6-7. Mais o COB non se deixaba intimidar polo locais e con dúas triplas de Múgica e Barbour volvía abrir diferenzas. Logo doutro triple de Mena a vantaxe dos ourensáns chegaba ata os 8 puntos cun 14-22 que pronto se encargarían de neutralizar os locais Mikel Uriz e Quique Suaréz a base de triplas, sumados a un dous máis un deste último, para un parcial de 10-2 que poñía o marcador ó remate do primeiro cuarto en táboas, 24-24.

Durante os primeiros minutos do segundo cuarto dominaba o Knet o marcador pero era incapaz de abrir brecha. De feito, o COB pronto retomaría o control mediado este cuarto cun par de canastras do pívot Mateo Kedzo para irse por 5 puntos: 33-38. Pero unha vez máis volvía aparecer o máximo anotador do partido, Quique González, xunto  coa súa boneca, que facían que o COB tan só se puidera ir dous arriba ó descanso. 41-43 no electrónico de Logroño cun equipo ourensán deixando boas sensacións.

Rai López sube o balón ante Mikel Uriz

Rai López sube o balón ante Mikel Uriz./solobasket.com

Tralo descanso quería arrear o Knet que facía un parcial inicial de 4-0 cun mate espectacular de Alex Serna que voaba polo aire. Os de Ourense, lonxe de verse intimidados, pronto reaccionaron e por medio dun parcial de 7-0 volveron abrir unha pequena diferenza de 5 puntos co 45-50. Sen embargo, Galarreta primeiro, e Mesa e Busma despois poñerían ó Knet por diante despois de dez minutos de vantaxe ourensá co 55-52. A afección rioxana coreaba o nome do lituano Busma logo dun par de accións estelares.

Atravesaba malos momentos o COB que vía como entre Quique Suárez e Mikel Uriz agora, ían abrindo diferenzas ata chegar á máxima do partido, dez puntos co 65-55 mediado o último cuarto.

Sen embargo o equipo do capital ourensá non tirou a toalla e quixo remontar cun parcial de 10-3 que lideraban Kedzo e Barbour. Ó final co 68-67 a falta dun minuto o galego Julio González poñía ó COB a un punto. Mais un mal balance dos visitantes provocaba unha canasta tan rápida como sinxela de Busma que provocaba un tempo morto de Rafa Sanz con 70-67 a favor dos locais. Ó final, tras dous tiros libres anotados por Julio, Busma foi sancionado cunha falta en ataque que daba a posesión a COB. Os rioxanos facían falta e Múgica anotaba dous tiros libres para poñer ó COB a un. Sen embargo Mena cometería antideportiva e Mikel Uriz anotaría tres tiros libres tras unha nova falta dos visitantes. Ó final 75-71 que deixa un sabor moi amargo ó equipo da beira do Miño polo que se xogaba neste partido, onde tivo opcións de victoria até o final.

No Knet destacaron tres homes por riba dos demáis. O base Mikel Uriz que debutou en Leb Ouro da man do Breogán (xogaba no Estudiantes Lugo), foi o home máis valorado con 29 grazas ós seus 13 puntos, 4 rebotes, 10 asistencias e 6 faltas recibidas. Acompañarono Quique Suárez con 21 puntos cun 4/7 en tiros de tres e Deividas Busma con 13 puntos e 10 rebotes para 15 de valoración.

Polo equipo ourensán, o mellor, o focense Julio González con 10 puntos, 7 rebotes e 6 asistencias para valorar 19. Polo resto anotación repartida con Barbour e Kedzo con 10 puntos cada un, Ogide con 12 e Múgica con 13.

Con esta victoria o Knet ascende ata a novena plaza e deixa ó COB na posición na que estaba: a penúltima.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Conectando a %s