De goles / Máis fútbol

Fredi: “Non pensamos na derrota ante o Racing”

O Estadio Municipal de San Lázaro vivirá este domingo un derbi con recendos a outra categoría superior. O Rácing de Ferrol, superlativo esta temporada con 51 puntos no máis alto da táboa, visita a un Compostela que leva dúas xornadas sen coñecer a vitoria. Na memoria aínda perdura o 3-2 da primeira volta, nun partido frenético no que os disturbios entre ultras de ambos conxuntos tivo máis repercusión que o xogo en si.

Pasada xa a metade do calendario, ambos conxuntos veñen a confirmar as sensacións que deixaron a comezos do curso, aínda que o Compos foise distanciando do conxunto departamental nas últimas semanas. Os da capital pretenden, en palabras do adestrador ‘Fredi’ Álvarez, “recortar distancias e situarnos a dez puntos para volver a entrar nunha dinámica positiva”. “Non pensamos na derrota”, sentenza o estratega.

O técnico dos branquiazuis asegura que o do domingo será “un partido bonito, para os xogadores e para os afeccionados”. E é que os santiagueses por fin poderán vivir un derbi coma este logo de deambular na Rexional Preferente durante os dous últimos anos e as anteriores temporadas baixo distintos pseudónimos. O plantel local contará coas baixas de David Nogueira, Franqueira e Mariño, este último por sanción. Con todo, o adestrador poderá dispor da última incorporación dos compostelanos, Marcos Suárez, definido polo moañés como “un xogador diferente ao que tiñamos e que nos dará outras posibilidades ofensivas ao ser menos vertical co resto”.

Ante os problemas de efectivos, Fredi di coñecer “as nosas fortalezas, que usaremos para gañar. Debemos ser nós mesmos e conseguir levar o peso do partido”. O preparador do Compostela pretende “sacarlle o balón ao Rácing para poder dirixir o xogo e facer que eles teñan pouca posesión”. Un equipo, o ferrolano, do que Fredi salientou os “dezaoito xogadores de alto nivel” cos que conta Aira. “É un equipo completo con moitos recursos e con dous goleadores destacados, como son Pablo Rey ou Manu”, admite o das Rías Baixas, aínda que advirte que “para eles tamén será un partido importante, xa que somos un dos rivais que lles pode facer dano”.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Conectando a %s