Invictos. Así remataron a temporada os de Santi Valladares no seu feudo, onde só cederon un empate ante o FC Barcelona, líder en solitario da Liga Nacional de Fútbol Sala. E coa intención de continuar fieis a súa condición, os santiagueses enfróntanse esta noite ás 21h ao Ríos Renovables Ribera de Navarra, sétimo clasificado e a oito puntos dos galegos. Con todo, os visitantes veñen de gañar ao propio FC Barcelona, que non coñecía a derrota no que ía de temporada.
Un partido que non só será importante para selar os obxectivos do Santiago Futsal, senón tamén para medir as forzas dos navarros en vistas ao partido de cuartos de final da Copa de España o 21 de febreiro. Para iso, o conxunto branco deberá facer fronte as baixas do capitán David, Barroso, Mario Costa e Hugo. Quen tamén arrastra problemas nos isquiotibiales é o canario Alan, aínda que entrará na convocatoria para hoxe.
Para suplir estes problemas, Valladares axudouse dos canteiráns do filial Tallón, Santi e Eloy. O adestrador lamentaba que “o mellor sería que fosen incorporándose un poco máis amodo, curtíndose á sombra da xente con experiencia”, aínda que recoñece que en vista das moitas baixas que tén o equipo, “ás veces hai que recurrir a varios á vez e teñen que adquirir un pouco de responsabilidade no xogo”.
Deste xeito, o resto da convocatoria estará formada por Lucho, Carlos Barrón, Álex, Raúl Campos, Jorge, David Pazos, Hamza e Diego Quintela. Os encargados de que se cumpra o regramento serán os árbitros De Juana González e Gallo Suárez, dos colexios cántabro e asturiano.
Ademais, na pista volverán verse vellos coñecidos da afección compostelana. Antigos xogadores como Charlie e Molina retornan ao Fontes do Sar, xunto aos canteiráns Rubi e Palmas.
Na memoria queda o partido da primeira volta en Tudela, no que o Santiago Futsal venceu con moitas dificultades por 1-2, logo de dárlle a volta ao electrónico na segunda parte. Porén, o estratega local reflexiona que aínda que aos xogadores lles costara adaptarse ao novo adestrador e este aos novos xogadores, xa tiveron tempo abondo de adaptación e estano amosando”. Por último, Valladares advertiu que os navarros “coñecen de sobra a nosa maneira de xogar, chegan motivados, polo que será un partido con moitas connotacións”.

Pingback: Primeiro tropezo dos de Valladares como locais | Táboas